Quen somos?

 

Galiza Contrainfo é unha iniciativa independente, non comercial e autoxerida de contra-información audiovisual galega. Esta páxina web xorde da necesidade de difundir o noso traballo, mais tamén coa intención de construir un espazo que serva para darlle visibilidade a toda a produción audiovisual de comunicación alternativa que se desenvolve na Galiza.

Consideramos que os medios de comunicación corporativo-empresariais son aparellos ideolóxicos do réxime capitalista que, enmascarados baixo unha suposta neutralidade ou obxectividade técnico-profesional, funcionan como voceiros hexemónicos dos intereses das clases dominantes. E particularmente na sociedade galega actúan como catalizadores positivos do proceso de asimilación española.

Observamos polo tanto a necesidade de crear espazos de información alternativa e pensamento crítico que acompañen aos movementos sociais galegos e que reflictan as luitas, problemáticas e realidades silenciadas ou distorsionadas polos medios de comunicación de masas. Nós queremos achegar o noso grao de area no campo do vídeo-activismo, apropiándonos das ferramentas que temos ao noso alcance. O camiño polo que optamos representa a posibilidade de utilizar e de experimentar criticamente os novos medios audiovisuais e as redes.

Renunciamos á obxectividade como principio, queremos amosar distintas voces, enfoques e imaxes de resistencia . Agora é cando, Galiza é onde. Sabemos que a nosa visión é só unha máis das posíbeis, por iso queremos que esta web sexa un espazo non só elaborado por nós, senón que calquera persoa e/ou colectivo pode achegarnos os seus traballos audiovisuais de contra-información ou comunicación alternativa a través do formulario que habilitamos na propia páxina ou ben polo correo electrónico. Actualizaremos a páxina con eses contidos en canto nos sexa posible.

Pensamos que nunha sociedade libre e emancipada a difusión do coñecemento e a cultura debe ser libre e gratuíta. Por iso apostamos polo copyleft e as licenzas libres e subimos ás nosas pezas á rede baixo unha licenza Creative Commons Non Comercial_Atribución_Compartir igual.

Os contidos da web están estruturados en diferentes seccións:

Galiza Contrainfo (vídeo), onde recollemos a nosa produción como colectivo, aquí atoparedes o arquivado de todas as pezas que levamos editando desde que comezamos a facer vídeos no ano 2007. Daquelas conformamos a iniciativa GzVideos, proxecto que por diferentes motivos ficou quebrado. Nós asumimos a nosa parte de responsabilidade desta situación, mais queremos seguir pulando cara diante superando erros pasados.

Galiza Contrainfo (foto), onde atoparedes as nosas galerías de imaxes.

Panorámicas é o espazo onde recompilamos a produción allea ao propio colectivo que se atopa espallada pola rede, así é tamén a sección reservada a todas aquelas persoas e/ou colectivos que queiran achegarnos os seus traballos tanto de vídeo ou foto, que se realicen na nosa terra e na nosa língua, dando cobertura as distintas mobilizacións, entrevistas, reportaxes, palestras, roteiros, etc.

Olladas é o espazo adicado a traballos de caracter creativo curtas de ficción, vídeo-creación, videoclips de música en galego, e todas aquelas ideas que desde a imaxinación aportedes/mos nesta sección.

Queremos tamén ir máis alá da difusión na internet. Estamos traballando na creación dunha videoteca en colaboración coa Escola Popular Galega, temos a vontade de editar as nosas pezas en soporte físico (dvd) e facer proxeccións etc. No apartado Caderno iremos informando das novidades que vaiamos tendo neste aspecto.

En definitiva queremos seguir buscando camiños fóra da información como espectáculo, do coñecemento como mercadoría e do consumo pasivo de imaxes alleas ás nosas vidas.

Denunciar e combater, resistir e crear.

Os currelas queiman unha estación

digamos que é un día feo e gris.

Todo fai supoñer

que acabarán pegados contra a parede

Policía en formación

digamos que é unha provocación.

Os cartos piden máis

sacrificados pola paz social.

 

E Radio Crime ladra sen parar

ti non es, ti non existes.

[...]

Todo é como debe ser.

Todo vai como ten que ir.

Radio Crime emitindo...

 

La Polla Records (Radio Crimen)