Escoitamos a nova aínda sen coñecer a identidade da detida, e volvimos ter esa sensación previa á perda, á certeza de que se van levar a outro amigo, a outra compañeira, ese sentimento de baleiro, saber que nos vai faltar alguén, e vai ser un máis na cadea de dor que levamos nos nosos petos por momentos.
Mais desta volta, máis alá desa mágoa, tamén nos sentimos menos soas, porque había moitas outras que se somaban a nós nas rúas, que lle lembraban aos "xornalistas", a eses que fan negocio e espectáculo co noso sofrimento, que non imos aturar con todo, que estamos fartas das súas mentiras interesadas, que máis alá do noso pesar tamén temos raiba e perdimos o medo, e Senlheiro, e as outras oito compañeiras dispersadas a centos de quilómetros da súa Terra, están rodeadas do alento que lles enviamos con cada xesto de desacordo a súa imposición do que é a "sociedade galega", do que é lexítimo e do que non.
Nós tamén queremos estar aí, posicionámonos porque non pretendemos ser obxectivas. Nós estamos co Senlheiro, e coas presas e presos galegos, dispersados sen xuízo e baixo a lexislación antiterrorista, que vulnera os seus dereitos humanos.
Nós estivemos en Compostela, en Vigo, en Ourense e na Coruña. E non imos ficar caladas.
Moito ánimo Senlheiro!